O Fondo Galego destina 50.000 euros a proxectos dos axentes galegos de cooperación no Sur - Redes para o Desenvolvimento

O Fondo Galego destina 50.000 euros a proxectos dos axentes galegos de cooperación no Sur

|
- O prazo para a presentación de solicitudes esténdese desde hoxe ata o 22 de xuño e a subvención ascenderá a un máximo de 20.000 euros por proposta.

- A convocatoria pretende contribuír ao fortalecemento do sistema galego de cooperación e priorizará países como Cabo Verde, Nicaragua, Cuba ou Perú.

Illa de San Simón, 22 de maio de 2012

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade destinará este ano 50.000 euros ao financiamento de proxectos de axentes de cooperación galegos en países do Sur, aínda que a cifra é revisable á alza. Hoxe martes, 22 de maio, ábrese o prazo para a presentación de solicitudes, que se estenderá ata o 22 de xuño. A convocatoria está dirixida a entidades con presenza real en Galicia e busca contribuír ao fortalecemento do tecido solidario galego.

As accións executaranse en zonas cun índice de desenvolvemento humano (IDH) medio, baixo ou moi baixo, tendo preferencia os países prioritarios para o Fondo Galego (Cabo Verde, Cuba, Nicaragua e Perú) e a lusofonía. Deberán ademais favorecer a participación da poboación beneficiaria e procurar un desenvolvemento sostible, a través da transformación social. A loita contra a pobreza, a equidade de xénero e o respecto medioambiental serán eixos transversais a ter en conta, canda o enfoque de Dereitos Humanos. Tamén se valorará que o sector de actuación estea directamente vinculado ao eido local. 

Unha comisión técnica constituída por representantes de diferentes Deputacións e Concellos avaliará as propostas, aínda que será a Asemblea de socios quen aprobe a resolución da Comisión Executiva. A subvención será de ata 20.000 euros por proxecto e a decisión final publicarase nas webs do Fondo Galego de Cooperación e da Federación Galega de Municipios e Provincias. As bases da convocatoria, redactadas tras escoitar as propostas das ONGD no Consello Municipalista da Cooperación, están dispoñibles aquí.
Compartir   Partilhar no Facebook Partilhar no Twitter Partilhar no LinkedIn