Avanza a rede de municipios portugueses para a cooperación co asesoramento do Fondo Galego - Redes para o Desenvolvimento

Avanza a rede de municipios portugueses para a cooperación co asesoramento do Fondo Galego

|
- Dúas técnicas do país veciño presentaron hoxe o proxecto europeo 'Redes para o desenvolvemento' ante a Asemblea do Fondo Galego de Cooperación.

- Representantes das Deputacións e Concellos socios aprobaron por unanimidade o balance económico de 2011.


Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2012

Dúas técnicas portuguesas presentaron esta mañá ante a Asemblea Xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade o proxecto 'Redes para o desenvolvemento', cofinanciado pola Unión Europea, onde a entidade municipalista asesora a Portugal e Alemaña na promoción das redes de cooperación descentralizada.

Sofía Atalaia, da Cámara Municipal de Loures, e Filipa Petrucci, da ONGD lusa Instituto Marquês de Valle Flôr, expuxeron os avances que se están a dar na constitución dunha futura rede de municipios portugueses para a cooperación, coas súas propias especificidades. Nestes intres hai quince Concellos de diferentes zonas do país veciño traballando a prol desta rede, que está a preparar os seus estatutos.

A presidenta do Fondo Galego de Cooperación, Teresa París, foi a encargada de abrir a Asemblea, celebrada en Santiago de Compostela, presentando o informe de situación da Comisión Executiva. O texto recolle os retos para a entidade no actual contexto e avoga por continuar fortalecendo o funcionamento en rede, transpartidario e aberto. Teresa París apostou ademais por incidir na sensibilización das veciñas e veciños dos Concellos socios e por achegarlles os resultados da cooperación realizada a través do Fondo Galego.

A Asemblea aprobou por unanimidade o balance económico de 2011, presentado pola tesoureira, Pilar Gallego, no que a meirande parte dos investimentos se destinaron aos proxectos en Haití, Nicaragua e Cabo Verde. Tamén se ratificaron as baixas solicitadas polos Concellos de Guitiriz, Castrelo do Val, Cangas e a Deputación de Pontevedra. A Secretaría Técnica pechou o encontro resumindo as actividades previstas para o que resta de 2012.
Compartir   Partilhar no Facebook Partilhar no Twitter Partilhar no LinkedIn